domingo, 17 de julio de 2011

Algunhas cousas nunca se esquecen

Onte vin a Tino no bar. Estaba tomando unha cervexa na barra, recostado no taburete, distraído. Non é fácil encontrarse con Tino, leva 25 anos navegando, os mesmos que hai que non o vexo. Para ver a Tino hai que ir ou a súa casa ou ao bar. Ou está nun sitio ou noutro. Pasaron moitos anos e pasou de neno a home. Quen o viu e quen o ve. Xirou a cabeza, viume e torciu o xesto. Un sorriso agromou da súa boca. Pechou os ollos como facendo forza. Intúo que quería asegurarse de que era eu. " Ei ! Que ?" dixo. É o que se soe dicir nestes casos pensei eu.

Tino é un home de poucas palabras, so fala cando bebe e se emborracha, e o peor é que fala para mal. Espotrica de todo o mundo, anóxase e fala por falar. Tino mide cerca de 2 metros. Cando eramos rapaces xogabamos ao fútbol, el casi nunca xogaba, só estaba para facer bulto. Acórdome unha vez que lle chegou un balón. Controlouno e  bateu nel coma nun anaco de carne morta, votou a correr tras del sen xeito, poseído, coma unha frecha. " Veña Tino ! Veña ! " gritábanlle os do equipo rindo. De tanto correr, Tino quedou só diante do porteiro, xa tiña a perna no aire e xa andaba a cantar o gol, pero cheguei eu por atrás e ,Bumba!, atranqueille a perna e caeu coma un cesto, todo largo contra o chan. Naquel intre vinme morto. "Cando se erga vaime matar" dixen para min. Sen embargo ergueuse tranquilo, pausado, miroume e botouse a rir.

Creo que o outro día, no Bar, os dous pensamos nesa xogada.


No hay comentarios:

Publicar un comentario